Páginas

viernes, 16 de mayo de 2014

Poemas do limbo ( Díaz Castro ) Como un anxo airado, Coma un río, Coma unha escada.

Coma un anxo airado
O sol na Corda está enterrado,
morto e enterrado hastra a metá.
Nadan na lus somente un budio
e o ladro perdido dun can.
A sombra de tódalas cousas
vai resultando que é verdá.


E no oco do lusquefusque
vanse perdendo as miñas maus:
apalpo, cadora máis donda,
a oculta mentira da paz.
Vigilate et orate- dixo
Xesús, na Noite do Olivar.


¿ Onde foron os que se erguían
Coma deuses? Xa non están.
Treman no budio escuro bágoas,
rola unha estrela, dorme o can.
Derrétense os bronces da gloria
nas sombras da noite que cai.

Pro están eí as falsas mortas,
as serpes douradas de paz,
sombras na sombra confundidas,
donda la no teu cabezal.
¡ Erte, fillo, coma anxo airado,
rompe a paz, e ponte a loitar!




Coma un río
Coma un río quixera eu ser: cantar
con estrelas no lombo cara ó mar,
deixando unha chorima en cada pedra,
e unha bágoa de Deus en cada herba.

Hai unha cousa clara coma o sol:
prós nosos ollos no está feita a lus
do mundo, ó abrente frío que se abreu
cando abrimos os ollos sobre o mundo.

E eu coma a néboa sobre os outros montes
que lles cobre a ferez  e mailas bágoas;
e eu coma a estrela que entra polo oco
do lousado do pobre na agonía.

Hai unha cousa clara coma a lus:
que no é para nós a música do mundo
a promesa raiante da hora enorme
en que se dixo: ¡ outro home veu ó mundo!

E eu como un fondo río de recendos,
de voces e de luces: coma o aire,
que beixa todo e non se apousa en nada
máis que no sangue, na raíz do sangue…



Coma unha escada
Lémbrome ben do vento que cantara
no fío da túa morte, meu amigo,
dos doces días que arrastrou o vento,
da derradeira pomba da esperanza.

Sobor da escuma dos recordos fría
navega un nome cara a min, sen nada,
o eco dunhas zocas afogándose
no veludo sen fin da eternidade,
a sombra longa dunhas maus, xa cougas
na lus da tarde, feita monumento.

Tódalas cousas morren esta tarde
con longuísimas sombras, baixo a muda
roda sen dó. Pro ti, ¿pra que estás morto?
Antre a esfera onde estás e as miña sombra
unha oración que no esperabas  tira
unha canle de lus coma unha escada.

Desfaise o tempo, faise a lus, e case,
case baixar te vexo pola escada
de lus pra acabar xuntos esta historia
que, por un erro, interrompeu a morte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario