Nimbos
Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,
das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,
eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.
Noite no mundo
¡ Noite do mundo, oco
de estrela arrincada,
onte teimo verte
de repente arder
sobre a miña vida
case consumida
na ourela da nada
Ai ter teu alento
no meu rostro ó fin,
e eu diante os teus ollos
derrubarme en lus,
esvaerme no aire
que ti vas beber,
ser o teu rastro, ser
o teu eco perdido
e, case, non ser.
No resplandor do día
Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sen sentir o martelo dun recordó no sangue,
e caer a modiño na sombra como a lúa
enterra as súas cornas tras de Arxán.
Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo,
a derradeira rella do tempo en carne viva,
que os paxaros non calen no oco quente da tarde,
que non paren os bois de remoer.
Que o meu carro se entorne cheo de lume e soño
sen axotar as troitas nin as alas dormidas,
e que a Deua me encomenden os ventos vagabundos,
as lebres que se riron do meu can,
os camiños que andiven e as árbores con niños,
os ollos, inda cheos da lus de Deus, dos nenos,
as voces escondidas que teman deste mundo,
as bágoas puras que non ve ninguén,
namentras en falopas cae a imaxe do mundo
e as voces son adeuses de xente non peirao
e eu estrela da noite que se perde no día,
no resplendor do día que busquei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario